PROPOSTA DE ACTIVIDADE Nº1

Ola, familias de 3, 4 e 5 anos! Como ben sabedes, esta situación excepcional que estamos a vivir vaise alongar máis do previsto. Por iso, como vos comentamos nunha entrada anterior, imos cambiar a forma de organizarnos no blogue: TÓDOLOS MARTES SAIRÁ UNHA PROPOSTA DE ACTIVIDADE para facer ao longo da semana. Esta proposta abarcará sempre uns contidos do currículo para non perder o ritmo de traballo.
Así, a proposta que pensamos é a de facer MANDALAS con utensilios e obxectos que teñades pola casa. Para facer unha mandala ten que haber un obxecto central que inicie a obra. Despois, trátase de ir poñendo de maneira concéntrica obxectos que formen un círculo, de maneira que a obra vaiase facendo cada vez máis grande. Aquí podedes ver algúns exemplos:


A mandala pódese facer con utensilios de cociña (culleres, garfos, vasos...), con elementos naturais (se tedes xardín- como follas, flores, paus...-), con material reciclado (tubos de papel, cartón, tapósn de plástico, botes de iogures...), con xoguetes da casa... O importante é CREAR, IMAXINAR E EXPERIMENTAR.

Unha vez feita a -ou as- mandalas, propoñemos con ese material...
  • Agrupar os obxectos por cores
  • Agrupar os obxectos por tamaños
  • Agrupar os obxectos que sexan iguais
  • Contar cantos obxectos iguais temos
  • Facer montonciños de "poucos" e "moitos"
  • Facer montociños de "igual que", "tantos como"
  • Dicir un número e coller tantos obxectos como nos indica o número
  • Adiviñar os obxectos cos ollos pechados
Con todo isto, os nenos e as nenas estarán traballando contidos como...
  • Cantidades numéricas
  • Coleccións
  • Identificación de atributos
  • Agrupacións de obxectos
  • Creatividade
  • Expresión artística
  • Autonomía
  • Experimentación 
Podedes facer varias mandalas ao longo da semana ou ben xogar con outros materiais coas propostas que vos comentábamos anteriormente (facer agrupacións, coleccións, contar...)

Por todo isto, cremos que é tan importante que vaidades facendo as propostas que poñemos polo blogue, polo que esperamos a vosa participación e as vosas fotografías aos correos das mestras, coas cales realizaremos unha recompilación para publicar unha entrada os LUNS sobre os vosos traballos. Moito ánimo!

Comentarios